Alberto Romero Rodríguez, “Romer”,iniciador da romaría dos Nosos Fariñeiros, Burros e Muiños e promotor da Asociación Muiñeiros do ´Río Tripes, de Tui. (Galiciasuroeste.info)



galiciasuroeste                                             Alberto Romero Rodríguez "Romer"


Alberto Romero Rodríguez, “Romer”, foi o iniciador da romaría dos Nosos Fariñeiros, Burros e Muiños e promotor da Asociación Muiñeiros do ´Río Tripes, de Tui. A súa relación cos muíños ten máis de cincuenta anos, cando de cativo acompañaba á súa nai ao muíño da Devesa para moer. Estivemos con Romer para que nos contase os seus recordos e a súa teima cos Nosos Fariñeiros, Burros e Muiños, as súas inquedanzas polos muíños do Tripes...




¿Qué relación ten Alberto Romero “Romer” cos muiños para que o seu interese se concentrase nesta parte do patrimonio?
A miña relación cos muiños xa vén moito de antano. Os meus pais e avós tiñan moitas terras e había moitos animais no eido; quentábase o forno cada dez días para ter pan para comer e necesitábase fariña para os animais, motivo polo cal moi a miúdo había que ir a moer.
Cando tiña 9 anos xa escomecei a ir coa finada da miña nai a moer; ela explicábame coma había que facer para que a fariña saíse ben muidiña para máis adiante, ir eu só a moer ó muíño.
Tamén andiven algo co “Compostor” a arranxar algún muíño. Eu axudáballe no que podía, e facíalle compaña.
Fai dez anos escomecei a facer a romaría do burro fariñeiro e do muíño. Nese intre aínda non existía a asociación, pero o día no que se celebraba a romaría, algunhas mulleres e homes axudábanme a facer a festa.
O muíño Devesa de Abaixo, era onde eu ía a moer cando aínda andaba na escola; son moitos os recordos que teño dese muiño e sen darse un conta, xa pasaron máis de 50 anos dende aquela. E fai algúns anos conseguín por fin arranxalo e sacar esa mágoa que tiña enriba.

Como, e por qué xorde a creación da Asociación Muiñeiros do Río Tripes?
Coma che estaba contando, xa co muíño Devesa rehabilitado e preparado para traballar, pensei que tamén había que polo a moer, o da Devesa e algúns máis situados o carón do sendeiro do río Tripes. Entón penséi que o mellor era crear unha asociación, para que entre todos se poidesen facer máis traballos neste fermoso entorno que temos a sorte de ter preto de nós. Dese xeito naceu a asociación “Muiñeiros do Río Tripes”

De cando estamos a falar cando mencionamos a creación deste colectivo?
Despois de moitas conversas con persoas afins a min, veciños, amigos, sobre a idea que eu levaba madurando dende facía algún tempo, constituiuse a asociacón en decembro do ano 2007.
Nestes momentos, cantos integrantes ten a Asociacón? Aboan algunha cuota?
Agora mesmo a asociación conta con persoas suficientes para levar a cabo os proxectos que temos por diante, aínda que temos pensado integrar máis peroas na directiva para dese xeito poder repartir máis os traballos. Esta asociación conta con máis dun centenar de socios, que aboan 10 euros ao ano. Quero dende aquí aproveitar a ocasión para facer un chamamento para que calquera persoa, ben sexa do concello de Tui, coma do seus arredores, que lle guste a natureza, que se acerque polo sendeiro do río Tripes para que poidan ollar o que estamos a facer e de paso poder disfrutar deste fermoso entorno. Ademais, se algunha quere facerse socio ou quere participar dos nosos labores, pode dirixirse ao noso correo electrónico muineirosdotripes@hotmail.com, pondo os seus datos e un teléfono e porémonos en contacto con ela. Aproveitando todo isto quero indicar que está en estudo a creación dunha páxina ou blog propio en Internet para a difusión de tódalas cousas que dende esta asociación se están a facer.



Supoñemos que dende a sua creación, Alberto Romero “Romer” é quen a  preside. Tivo outros presidentes este colectivo?
Efectivamente todos estes anos, teño a honra de presidir esta asociación, ata cando, non o sei.

Imos cambiar de contido. De cantos muíños falamos cando nos referimos ao sendeiro do Río Tripes?
Falando do número de muiños, teño que decir que fai 50 anos había 40 muíños, dende o lugar que se chama “As Cancelas”, que é o nome da zona mais alta do sendeiro do río Tripes ata a desembocadura co río Miño. Nesta asociación que me honro presidir, preocupámonos de 25 muiños, porque os 15 restantes que se atopan na parte baixa de Tui, son muíños de maquía, dun só dono, e onde na maioría dos casos o muíño xa non é muiño, xa que o transformaron nunha adega, nun galiñeiro ou noutra cousa calquera. Tamén algunha xente pertencente a esta parte baixa de Tui, non levaron o río ao carón da súa casa porque non pudieron con él.
Esta asociación está comprometida cos 25 muiños que en parte pertencen ás parroquias de Randufe e Pazos de Reis. O río Tripes xunta a estas dúas parroquias neste percorrido dos 25 muiños, e onde se poden ollar entre outras, as herbas de San Xoán, as fermosas carballeiras, flora e fauna e ata se pode beber a auga deste río pola súa transparencia e limpeza.

Dende os inicios da asociación, ata a actualidade, en que grao de conservación están actualmente os muíños que percorre o sendeiro?
Nestes intres temos 5 muiños facendo fariña; imos pór outro máis a moer nos vindeiros meses, e os restantes precisan ainda dalgúns arranxos importantes.

Qué melloras se produciron neste entorno e que é o que quixeran conseguir nun futuro inmediato para este espazo?
As melloras que se fixeron neste entorno foron, en primeiro lugar, a moita limpeza que houbo que realizar no entorno dos muíños xa que practicamente estaban ocultos pola maleza. Tamén se fixo limpeza do sendeiro. O 24 de xaneiro do 2009 puxemos a moer o muíño da Devesa de Arriba, puxemos grades en tódolos cubos dos muíños para que ningún animal ou rapaz puidese caír dentro, arranxamo un pouco o muíño de Tia Ana, baleirouse o cubo do muíño do Branco que sempre estivo cheo de pedras  e terra, arranxamos o camiño que vai ata o muíño da Ponte, limpamos algunhas levadas ou canles, puxemos portas a moitos muíños que xa tiñan tellado, sacamos algún rodicio dalgún muíño para que non o roubasen, ampliamos o espazo onde facemos a Romaria. Tamén fixemos un mirador enriba dunha rocha imitando a sobreira para que non contraste co entorno. Fixéronse unhas xornadas de muiñadas durante todo o día 20 de febreiro do 2011, os nenos dos colexios de Tui asistiron os dias 21 e 25 de marzo a unhas xornadas de sendeirismo e muiñadas, organizouse a III Edición de “Coñece O Tripes” que é unha Ruta guiada explicativa onde lles contamos a tódolos que asistan, non só por onde transcorre o sendeiro, senón que lles falamos tamén da historia que rodea tanto ó sendeiro coma ós muíños que nel están. Durante todo o ano facemos moitas muiñadas e moitas xornadas de sendeirismo tanto con colexios coma con grupos de persoas. Os nenos dos colexios que veñen os muíños do río Tripes, charlamos con eles e lles falamos primeiro do río, onde nace, onde desemboca, afluentes, peiraos, número de muíños, etc, e asemade se lles explica todo o relacionado co muíño, partes, funcionamento, historia do muíño e tamén se lles fala do millo do país, dende que se sementa ata que se converte en fariña. Ademais conseguiuse acondicionar o sendeiro cunha ponte de madeira nova, de balaustradas de madeira, grazas á colaboración que neste caso nos deron os membros que representan  ao parque natural do Monte Aloia. Nun futuro inmediato será necesario limpar as levadas ou canles que levan máis de 50 anos sen limpar, queremos recuperar os terreos que pertencen os muíños, que a auga volte a pasar polar torneiras, polos cubos, polos aliviadeiros, e a construcción dunhas cuantas pontes máis para cruzar o río en determinadas zonas nas que hoxe en día ainda non é posible cruzar. Referente a todo isto temos proxectado facer as xestións necesarias para conseguir unha partida importante de cartos para proceder á rehabilitación tanto dos restos dos muíños do Río Tripes, coma dotar a este sendeiro das indicacións, señalizacións e estado para que sexa un referente para a visita de todo aquel que queira disfrutar deste fermoso entorno.

Hai 10 anos organizouse, en outono a 1ª edición dos Nosos Fariñeiros, Burros e Muíños, pasando nesta última edición, supoñemos que por cuestións climatolóxicas, á relizarse en primavera. ¿Observan que este cambio favoreceu a presenza de máis participantes ca outros anos?
Quero decir que esta romaría nos muíños facíase no outono, pero a climatoloxía non nos axudaba moito nos últimos anos, polo que decidimos probar este ano a facela na primaveira. Consideramos que este cambio favoreceu positivamente a participación respecto de anos anteriores. Polos cálculo que fixemos, deberon de pasar na romaría de 2011 entorno ás 1.000 persoas que foron aproximadamente as racións que se serviron.

¿Qué sensacións perciben na xente que asiste a esta romaría?
Pois que as persoas que veñen a esta romaria voltan a recordar o run, run do muíño, o soar do río, o cheiro da fariña. Tamén  se lembran dos “carreiros” por onde fai tempo pasaban eles a moer cando eran rapaces. E lémbranse dos petelos de pan de millo, da vica, das papas, da bola manchada, etc.

Organizar este encontro nos muíños require colaboracións, tempo e moitas dotes de sacrificio. Pero precísanse tamén apoios económicos. Con que axudas contan para organizar esta festa e sufragar o seu custe?. Non sei se se pode valorar o gasto que ten este encontro…
Para sufragar o custe desta romaria, contamos coa colaboraicón das casas comerciais e empresas que xunto co Concello de Tui e a Mancomunidad de Montes de Randufe entre outros, e socios nos axudan ben económicamente ou dándonos por exemplo pan, chourizos, viño, castañas, que fan posible o encontro.
Queremos resaltar que nesta romaria, as racións que se reparten tanto de papas, vica, castañas e chourizada acompañada do viño do país, son gratuitas para tódolos presentes, xa que non nos parece xusto ca xente pague o que as casas comercias nos dan.

Pódese falar dunha cita cos muíños consolidada no calendario de eventos no municipio de Tui?
Esta festa ou romaria, co paso dos anos, vaise consolidando, porque é distinta ás demais. Só a gaita galega e as ras do río se encargan de amenizar a festa.

Para rematar, desexa “Romer” engadir algo máis?
Só engadir que a  Asociación Muiñeiros do Río Tripes ten un grupo folclórico co mesmo nome e que está englobado dentro da mesma asociación.
Dende esta asociación seguimos reclamando axudas das institucións para poder mellorar este fermoso entorno que temos aquí á nosa beira. Tamén sería convinte nun curto prazo contar con máis paneis informativos onde figure a riqueza que temos de flora e fauna, así coma de señalizacións por todo o sendeiro para non perderse nel.
A Asociación “Muiñeiros do Río Tripes”, quere darlle as gracias a tódalas casas comerciais e demais entidades, socios, veciños do entorno, pola súa colaboración, e así poder mellorar este hermoso lugar, e queremos agradecer a Antón Ferreira a difusión que fai desta nosa romaria. Esta asociación cho agradece.



Agosto, 2011




http://www.galiciasuroeste.info/romer.htm

SOCIOS COLABORADORES 2023

SOCIOS COLABORADORES 2023