PREGÓN DA XIX ROMARÍA "OS NOSOS FARIÑEIROS, BURROS E MUÍÑOS" A CARGO DE SUSO VILA

 O domingo 1 de maio de 2022 celebrouse a XIX edición da romaría "Os nosos fariñeiros, burros e muíños" para a que foi elixido como pregoeiro Suso Vila (Doutor en Historia do Arte).

Un historiador do que destacamos a súa labor de investigación e documentación coa que ten contribuído a afondar no coñecemento da historia da nosa cidade. Nalgúns dos seus últimos traballos, ten aportado información moi interesante sobre o gremio de zapateiros e a presenza de pelames e aloques no barrio de Riomuíños.

A quen tamén lle agradecemos a súa axuda nestes últimos anos nas tarefas de documentación histórica de diversos elementos presentes na canle fluvial do Tripes; especialmente co Muíño do Mañoco.

Grazas a súa colaboración e deferencia podemos compartir o seu pregón con todos vós, a través desta publicación:

 - - - - - - - - - -

Muíños do Tripes (01/05/2022)

Paisaxe e historia da comarca
 
Escoitamos ou lemos con frecuencia que os muíños forman parte da arquitectura rural, remarcando o pretendido antagonismo entre rural e urbano, a veces caindo nun valor negativo. Os muíños xurden así no imaxinario como cousa rural, e froito dunha comunidade con menos recursos intelectuais e estéticos. Pois nada máis lonxe da realidade histórica. Os prexuizos aínda acompañan a unha das construccións máis abraiantes que temos nos nosos municipios, conservadas grazas a un traballo infatigable de moita xente e tamén, porque non dicilo, por estar ao marxe dos desenvolvimentos urbanísticos que engadiron fealdade a paisaxe urbana malia contar con máis recursos, intelectuais, estéticos e económicos.

Os muíños hidráulicos, e os do Tripes en particular, supuxeron unha REVOLUCIÓN TECNOLÓXICA na Idade Media. A enxeñaría hidráulica foi un auténtico avance que deu resposta ao crecemento urbano e a expansión agrícola no século XI. Sabemos que no Tripes os muíños xa eran numerosos no ano 1112, cando a raíña Urraca concede un privilexio á igrexa de Tui e menciona como un dos límites da súa doazón o RÍO DOS MUÍÑOS. Esta referencia significa que desde o século XI os muíños serían un dos instrumentos para o crecemento urbano de Tui e a súa contorna. Se hai moitos muíños é que se está a colonizar novas terras, colleitas de cereais que precisaban ser moídas para o consumo da poboación que medraba e tamén para a súa venta no mercado. O mercado como base do crecemento urbano, polo que os muíños foron as pezas fundamentais para o cambio de paradigma medieval.

Os muíños do Tripes crearon incluso barrios en Tui, o de Ríomuíños. Unha xoia urbanística exemplo de desenvolvemento industrial (Conxunto de operacións materiais executadas para a obtención, transformación ou transporte de un ou varios productos naturais) desde a Idade Media. Os muíños, pelames e atafonas serían así parte da identidade do barrio e conectaron a cidade co Monte Aloia como se fosen unha cadea preciosa de levadas, encoros, pontes, poldras, pontillóns e muíños. Unha paisaxe cultural modificada ao longo de máis de 900 anos. No catastro do Marqués da Ensenada, redactado en 1753, descríbense 43 muíños no río Tripes. Os propietarios eran desde o Bispo e Cabido de Tui, ao convento de San Domingos, ao mosteiro da Concepción, ao Hospital de San Xiao, a nobres como Antonio de Montenegro ou a moitos dos veciños e veciñas de Randufe e Pazos de Reis, herdeiros dos constructores dos muíños, coas súas horas para moelo cereal. É sorprendente que a maioría destes muíños teñan orixe medieval reflectindo así a súa densidade no río e o nome que tomou desde o século XII. Aínda resta moito por estudar destes muíños. Falta unha monografía sobre os muíños do Tripes na que se reúna a documentación conservada en arquivos de fóra de Tui como o do Reino de Galicia ou a Arquivo Histórico Nacional, ou incluso no mesmo arquivo catedralicio aínda con información por revelar.

Os nosos muíños foron protagonistas de historias soprendentes. Os muíños do Mañoco, da Coba ou da Peste serían destruidos polas guerras civís entre Pedro I de Castilla e Enrique de Trastámara no ano 1369. Muíños “coroxinos e cotineiro” deste primeiro tramo do río serían destruidos e queimados polas galeras do rei Pedro. Pero tamén as grandes cheas do Miño afectarían a estes muíños polo menos desde o século XV reflectido pola documentación histórica.

Pero entre as numerosas historias destes muíños a que máis me intriga é a conexión entre muíños e un cemiterio moi especial, o dos xudeos. Logo da expulsión sabemos que o zapateiro Ruy López tiña o terreo do vello cemiterio xudaico nas primeiras décadas do século XVI. O seu fillo, Morguete Rodríguez, cóengo da catedral de Tui e fundador do poderoso morgado da Picoña, seguiría con este terreo e tamén con algúns muíños, aqueles que ata comezos do século XX se chamaban os muíños do D. Morguete, en Monterreal. En 1541 o cemiterio xudaico sería levado polo muiñeiro Álvaro Franco e a súa muller Inés Yanes. Sabemos que Álvaro e Inés tiñan e vivían no muíño dos Pelames en Ríomuíños polo libro de Apeos de 1557. O cemiterio xudaico estaba no barrio de Riomuíños e grazas a Cristian Lago podemos precisar mellor a ubicación e o que é máis importante a posibilidade de atopar restos do elemento máis importante dunha comunidade xudía como é o seu cemiterio. A filla de Álvaro Franco seguiría no muíño dos Pelames. Casada co muiñeiro Afonso Álvarez, Isabel Franca facía testamento na súa casa de Ríomuíños. Neste documento de 1608 móstranos unha muller cunha vida intensa, protagonista, pagando débedas e cobrándoas. Celemines ou bucios de trigo, centeo ou millo que reflicten unha vida xunto ás rodas do muíño. O testamento de Isabel Franca mostra que algúns muíñeiros/as posuían bens e riqueza grazas a unha actividade fundamental para a vida. Homes e mulleres participaron da moenda. De manter e facer funcionar os muíños do Tripes. Os seus nomes aparecen nos rexistros, testamentos, rendas, catastros ou preitos deixando así conta da súa pegada.

Os nomes polos que coñecemos moitos muíños pode resultar enganoso xa que a memoria demostra que vamos modificando esas vellas referencias e axeitalas a un coñecemento máis próximo que nos permita recoñecer con maior facilidade o lugar e o edificio. Non é casualidade que nesta redefinición de nomes a muíños aparezan numerosas mulleres: Peregrina, Elisa, Aurelia, nomes cercanos no tempo pero que lembran a Isabel Franca pero tamén a Bárbara Domínguez quen posuía tres muíños en 1753 (Costa dos Feitáns e Viveiro 2), ou un María Isabel de Crestelo (Silbosa), ou na mesma data en arrendo Antonia Alvarez ou María Diez entre outras.

Deste xeito comprobamos como os muíños non eran un artefacto curioso e anecdótico, era un ben moi importante para a comunidade e un obxeto de desexo dos poderes laicos e relixiosos e que xunto deles foron engadíndose importantes usos económicos como lavar, pelames ou incluso o matadoiro.
O Tripes ofrecía unhas condicións magníficas para a moenda ao longo do ano e hoxe ofrécenos unha paisaxe cultural irrepetible que debemos preservar e fomentar tal e como está a facer a Asociación de muiñeiros do Tripes.
 - - - - - - - - - -

Agradecemos a Suso Vila a súa profesionalidade e empeño na redacción deste pregón.

SOCIOS COLABORADORES 2023

SOCIOS COLABORADORES 2023