ULTÍMANSE OS TRABALLOS NA PARCELA DO MUÍÑO DO MAÑOCO

 

Imaxe aérea das actuacións no muíño do Mañoco

Esta semana remata o prazo establecido pola Consellería de Cultura e Turismo para os traballos de mellora da contorna do muíño do Mañoco, en Tui. Esta obra está promovida pola nosa asociación ao abeiro da liña de axudas para actuacións de mellora paisaxistica e embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago (TU501D) e conta cun investimento de 13.800 € dos cales o 75% (10.000 €) son sufragados pola Consellería.

Dende que asumimos a cesión desta parcela, propiedade da Fundación Félix Rodríguez, levamos a cabo diversos traballos de roza e eliminación de vexetación invasora. Así coma a tramitación dos pertinentes permisos perante a Dirección Xeral do Patrimonio, a CHMS e o Concello de Tui, previos a esta actuación de desentullo e adecuación da parcela do muíño, que se atopaba moi degradada polos diferentes recheos e o abandono.

As actuacións, supervisadas e dirixidas por un equipo de arqueólogos, están resultando moi proveitosas xa que están a recuperar diferentes elementos que permanecían soterrados. O máis destacable, ata o momento, é a gran canlización na saída de auga do muíño que se prolonga ao longo de toda a parcela en paralelo ao río. Esta construcción non estaba documentada e foi un dos achados deste traballo arqueolóxico.

Outra das evidencias que están quedando comprobadas é o cambio da cota da canle fluvial e dos terreos anexos, moito máis elevados na actualidade que no momento da construcción do muíño en época medieval. Un feito que está supondo un maior traballo e complexidade na tentativa de restablecer a paisaxe orixinal do muíño e a súa contorna.


* NOTA: Agradecemento a empresa Dronegal, Trabajos Técnicos con Drones, S.L. pola cesión das imaxes aéreas e a súa colaboración neste proxecto.

SOCIOS COLABORADORES 2024

SOCIOS COLABORADORES 2024